Diputación de A Coruña

AccesoIntranet

atrás Actualidad

17.10.2008

A Deputación da Coruña e a Cámara de Viana do Castelo convocan un concurso de guións para curtametraxes

Os textos deberán tratar sobre o diálogo transcultural como nexo de unión entre Galicia e o norte de Portugal

Baixo o título “Historias trasnfronteirizas”, a Deputación da Coruña, en colaboración coa Cámara de Viana do Castelo, e no marco do proxecto europeo “Culturnova”, convoca un concurso de escrita de guións para a produción e realización de curtametraxes.

Os guións, para unha curtametraxe de menos de 20 minutos, deberán ser orixinais e escritos en galego e/ou portugués, aínda que se poderán subtitular en castelán, e deberán tratar sobre o diálogo transcultural e as historias transfronteirizas como nexo de unión entre Galicia e o norte de Portugal.

A participación neste certame está aberta a todas as persoas físicas, sen límite de idade, con coñecementos no ámbito do audiovisual. Os autores deberán ser residentes na provincia da Coruña ou no Distrito de Viana do Castelo.


Os proxectos presentaranse baixo un lema ou título antes do 10 de novembro de 2008 no rexistro da Deputación da Coruña (Rúa Alférez Provisional nº 8. A Coruña) ou na Cámara municipal de Viana do Castelo, indicando no sobre “Certame de guións para filmes de curtametraxe”.


Cada participante debe achegar ademais por triplicado unha breve xustificación do proxecto, no que se faga constar a relevancia social ou cultural da historia, unha breve sinopse e un argumento do proxecto, o currículo do autor/a, e a correspondente acreditación da propiedade intelectual do texto.


O xurado estará composto por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito do audiovisual e valorará a orixinalidade, innovación e creatividade do proxecto, así como o tratamento do diálogo intercultural entre Galicia e o norte de Portugal, que é unha das prioridades estratéxicas da Unión Europea.


Premios

A deputación concederá un primero e un segundo premio, consistentes na produción dos filmes seleccionados polo xurado a través da contratación dunha empresa produtora, nun prazo máximo de dous meses a partir da data da concesión, cun orzamento de 12.000 euros para o primero premio e de 6.000 euros para o segundo.


Unha vez producidos os filmes, entregaráselles aos autores cinco copias da curtametarxe en DVD-PAL.

Bases da Convocatoria

 


 


 

Recomendar

© 2008 Diputación de A Coruña|RSS RSS|Aviso legal